carmucha

o que todo o mundo sabe e ninguén quere dicir

A minha fotografia
Nome: Carmucha
Localização: Terra Chá, Galiza

Terça-feira, Junho 20, 2006

novidades

Ai, meus netiños e netiñas, estiven todo este tempo no hospital. A miña neta puxose a dar a luz en pleno post e non o puden acabar. Prometo acabá-lo nestes días. Ai, que bisneto tan ghuapo teño :D

Terça-feira, Maio 30, 2006

amencer en azuis

Os teus beizos senlleiros estarrícanme en laparadas de intenso delirio e profundas andrómenas. E todo porque esquecín tomar as pastillas. Pero hai quen non ten este tipo de xustificación: quen día trás día bota a sua singular imaxinación a pacer nos eidos do blogomillo. Refírome aos moitos blogues persoais que abundan pola rede galega. Unhas enigmáticas obras de non sense nas cuais o verdadeiramente fascinante non é o contido, senón o misterio que envolve aos motivos que levan a unha persoa humana e galega a perder o tempo en caralladas semellantes. O relativo anonimato que garante a rede anímanos a moit@s a expor as ideas que moitas veces non podemos ou non queremos dicir á cara. No caso da caste de blogueir@s de que estou a falar hoxe esa tendencia é á inversa. Agachándose baixo un seudónimo botan á rede pensamentos que quizais non lle interesen a ninguén... Pero iso amiguiños nunca o saberemos porque están camuflados baixo presuntuosos disfarces de intimismo intelectual e de grandes doses de hormonas.
Exemplos desta irritante raza blogueira son Abril e Revoluçao, Levitando no meu cosmos de dianas e Paraxe do incordio. Poderíamos citar moitos mais dentro deste xénero dominado por mulleres noviñas universitarias e sensibles; pero non é en absoluto necesario porque visto un, vistos todos. Desde os nomes, que son sempre como de novela francesa dos anos 60 até ese vicio de escribir posts en segunda persoa.
Botemos un ollo, por exemplo, a Noite Subsahariana. Nada máis entrar pensaríamos que se trata de un blogue de unha estudante de Filosofía ou calquer outra carreira significada polas suas amplas saídas profisionais. Os seus posts pseudoliterarios inundan un mar de comentarios de admiradores, amigos, rapaces que procuran moza pola rede. O que se diga no post non é o importante, a esencia de postear son os comentarios que che vaian deixar tan crípticos como o post e que como este agachan detrás frustración sexual. Agradécense os posts curtiños, fáciles de comentar, sobre temas próximos como o cobertor (grande tema de debate).
O mellor de todos, a quen eu adoptaría como neta é a Mariña de Allegue. Unha nena ben rebulideira e que nos deslumbra coa sua obra artística. Síntome identificada con ela cando pon esas fotos do estropajo. Pero tamén me gustan as suas frases que, en teoría, teñen que ver coa imaxe. Admiro o seu exhibicionismo kamikaze, ese xeito de amosar a sua arte. Esa valentía de sair "al ruedo" de internet despregando o seu catálogo que non ten nada que envexar ao de persoeiros tan significados como Miguel Temprano.
O meu consello para estas rapariguiñas é que botedes un mozo que vos meta en cintura, pero que non sexa como o de De catro a catro.

Sábado, Maio 20, 2006

cultura e (neg)ocio

Desde a prexubilación, o meu marido colleu o hábito de sair da casa todos os días, nada máis erguerse e tomar o primeiro café, para ir buscar o xornal. Volta sempre con el baixo o brazo e un enorme sorriso de satisfacción polo traballo ben feito. Eu enténdoo, a xente que deixamos de traballar tendemos a crear pequenas rotinas que den algo de sentido á vida. Outros escreben blogs, que está como na moda; meu maridiño compra xornais que non le. Dálles voltas, pasa as follas unha e outra vez mirando as fotos con ar ausente, e á tarde fica dormido baixo o manto cariñoso das páxinas locais, as nacionais, internacionais ou as de anuncios por palabras. Agora, nunca as culturais. De todos é ben sabido que todo o que cobren as páxinas culturais dos diarios galegos está morto.
Manuel Bragado, xerifalte de Xerais, fai horas extras nos mandos de Brétemas, o que podería ser chamado as páxinas culturais do blogomillo, colección de palmadiñas nas costas alleas e proprias polo ben que escribimos nesta literatura "emerxente" (eu diria submerxida), de crónicas futboleiras e reflexións tinxidas de intelectualismo e optimismo subsidiado. E como as páxinas culturais, só interesa a quen aparece nelas, aos seus publicados e homenaxeados (valla a redundancia), para ver se saen ben na foto. É unha devolución permanente de favores: ti publícasme, eu falo ben de ti. Bragado, uhm, que nome tan suxerente. Non sei qué faría máis de un(ha) para conseguir (eis a palabra clave) un libriño nesa gran editorial que é Xerais. Lembremos que Xerais é esa gran editorial, como dixen, que recebe subsidios polo gran traballo de normalización e dignificación do galego (!).
Agora si, non é obxecto meu criticar a Xerais, aqui e agora, ollo. O que quero é dicir verdades, como reflicte o meu subtítulo. Simplesmente comentar, para quen nunca entrase en Brétemas (que probablemente sexamos quen non publicou en Xerais nen ten vontade de facelo), o que ia dicir, que me andan meus netiños por aqui a enredar, é que espero non encontrar a Brétemas (o blog) na lista de subsidios da Xunta porque aí xa sería un escándalo. Ollo, con isto non quero dicir que toda a literatura publicada por Xerais sexa unha merda. Hai merdas super grandes, merdas medianas, e merdas que nin merece a pena comentalas.
Así que, Brétemas, por favor, deixa de imitar o suplemento de Cultura de La Voz de Galicia e dedícate a cousas máis necesarias como ler o que publicas. Basta de chupar (polo menos da Xunta, que de outras cousas non falamos). Grazas polo teu tempo.

Domingo, Maio 14, 2006

calidonia

Ou como tirar media vida polo wáter analisando blogs estúpidos.
Non sabemos se o autor de Calidonia ten vida propria ou non. O único que sabemos é que non ten máis que facer que analisar o blogomillo. Filliño, eu son unha vella e xa gastei a miña vida, pero ti ainda és novo e podes aproveitala. A ninguén lle interesan os teus estudos sobre se os blogs galegos son reintegratas ou se son oficialistas. Nen se se postea máis durante as eleccións ou se durante o día da Muller Traballadora. Dedícate a contar outro tipo de cousas. Filosofa, ou fai como María e pratica o autobombo. Ou como Cesare e conta as tuas aventuras sexuais. Se cadra é que non tés nen aventuras nen autobombo que publicitar.
Tampouco nos interesan as tuas poesías sacadas dunha procura aleatoria do google (poesía pedante, clic, estou con sorte). Está claro que quen postea no seu blog poesías é para mostrar a sua pedantería.
Nen os teus gustos musicais que, por certo, son ben horrorosos. E desculpa o chiste fácil, pero o teu blog mais que lelo, habería que calzalo. Benvidos a Calzedonia.